top of page

Body weather é unha técnica física integral creada en Xapón na década de 1970 por Min Tanaka, mestre, coreógrafo e bailarín de danza butoh.É unha práctica exhaustiva de adestramento e actuación que investiga as interseccións do corpo e o seu entorno. Posto que a vida actual desliga totalmente ao ser humano do seu entorno orixinario, e en busca desa comuñón esquecida, unha parte importante deste adestramento realízase en diferentes espazos naturais exteriores, coa finalidade de devolver ao corpo esa sensibilidade durmida, esa capacidade sutil pero de grande fortaleza que reside na natureza, nos mares, bosques, desertos e montañas.Os corpos non son concebidos como entidades fixas e separadas, senón que están, do mesmo xeito que o tempo meteorolóxico, cambiando constantemente a través dun sistema infinito e complexo de procesos que suceden dentro e fóra destes corpos.Busca estar á escoita con todo o corpo, cos poros da pel abertos, cos sentidos, espertar a sensibilidade innata da condición humana para retornar a atención a nós mesmxs, ás outras persoas e ao noso entorno. Repetir regularmente un adestramento abre a porta a coñecer os diferentes aspectos da nosa estrutura e natureza corporal: os ósos, os músculos, os nervios e tamén a mente e as sensacións.É unha técnica que esixe unha profunda revisión do corpo e o movemento e investiga profundamente a conexión corpo-espazo, vivindo o espazo como unha extensión do corpo.


É a busca dun corpo versátil en cambio constante.



Millo Vello nace do desexo de volver a reconectar con algo. Un ritual máxico.


Unha noite falando do proceso na mesa da cociña, lembrabamos os rituais que se foron perdendo no avance dos tempos ata a actualidade. Agora todo vai demasiado rápido. A lista de tarefas é interminable.


Debido a isto, o tempo reservado simplemente para volver cara dentro ou para reconectar coa espiritualidade, o invisible, queda esquecido fóra da ecuación.


Compartiamos recordos de cando eramos pequenxs, das nosas nais e avoas, as que nun contexto católico practicante tiñan rituais imprescindibles nas súas axendas, citas regulares onde acudir a un espazo concreto e deseñado especialmente para conectar con algo no que elas crían (neste caso unha igrexa). Para facer músculo no exercicio de crer. Para pedir por algo, volver cara dentro. Poñendo toda a súa enerxía e amor nun acto de fe.


Isto facía parte da vida.


Aínda que non comulguemos cunha perspectiva de fe baseada neses preceptos, si botamos en falta ese tempo e ese espazo de recollemento. Activar a imaxinación para decidir en que crer, onde pararnos a facer maxia.


Millo Vello é a construción dunha igrexa. 





Somos Cris e Diego. Firmamos o noso traballo xuntxs como Ay, cariño!, por iso de nomearnos con algo amable, que nos apeteza verbalizar.


O próximo 19 de abril de 2024 será a estrea do noso primeiro espectáculo xuntxs, que leva por nome Millo Vello. Será no Teatro Ensalle de Vigo e está coproducido pola AGADIC.


Creamos este espazo dixital a modo de diario de traballo. Queremos expandir o proceso de creación e dar espazo a eses pensamentos que na maioría das ocasións pasan de refilón entre mil tarefas pendentes, nos cafés rápidos entre ensaios ou de xeito furtivo nas propias xornadas de traballo. Polas présas, sempre as présas. Falar con calma do tempo e dos tempos, do que nos inspira e estimula, do que pensamos xuntxs.


Falaremos tamén de butoh e body weather, técnicas que nos acompañan dende fai anos por fascinación inexplicable pero das que somos merxs practicantes entusiastas. Aproximámonos a elas coma unha crianza observa o mundo, hipnotizadxs pero con cautela, co desexo de aprender e atopar nelas inspiración.




1
2

Fita e Merchi na súa horta. Foto Fran Martinez

bottom of page